No acto falou tamén o profesor Fernando López Alsina, catedrático de Histoira Medieval da Universidade de Santiago, en representaciòn do comité científico do congreso. Glosou a importancia de Xelmírez “non só polo que fixo, senón tamén polo que deixou e polo relatorio das súas actuacións”. Os oradores estiveron acompañados polos profesores Ramón Yzquierdo Perrín e Henrique Monteagudo, membros do comité científico.
O Congreso convocou a unha ducia de notables especialistas de diferentes universidades europeas para reflexionar sobre unha figura capital da historia de Galicia e un dos protagonistas do século XII hispánico.
“Onde realmente quería intervir Xelmírez era no Reino de Hispania”, afirmou o profesor Ermelindo Portela na súa intervención. O catedrático de Historia Medieval da Universidade de Santiago dixo tamén que o trono de Afonso Raimúndez (Alfonso VII), coroado rei polo arcebispo na catedral compostelá en 1111, era o de León, auténtica sede regia no século XII.
Ermelindo Portela analizou no seu relatorio “Diego Xelmírez e o trono de Hispania. A coroación real de 1111” as relacións de poder de Diego Xelmírez, á luz da Historia Compostelana e concluíu que o neno coroado rei polo arcebispo na Catedral compostelá en 1111, Afonso Raimúndez, fillo da raíña Urraca e do falecido Conde Raimundo de Borgoña, non era o rei de Galicia, senón o “pequeno Emperador de Hispania”. Reinaría co nome de Alfonso VII desde 1126. O seu trono era o de León, auténtica sede regia do reino hispánico, a onde quixeron levalo os notables e Xelmírez ao día seguinte da súa fastuosa unción como rei . ”A vella Hispania visigótica convertérase na Hispania feudal e nela estaba integrada a Galicia xelmiriana, territorio xa ben delimitado ao norte do río Miño", subliñou Ermelindo Portela.
Na sesión da mañá presentáronse tamén os relatorios “As relaçôes entre as sedes de Braga e Compostela e os primórdios da formaçao do Reino de Portugal”, de Luís Carlos Amaral (Universidade de Porto), que salientou o papel xogado por Braga na formación do reino de Portugal. Klaus Herbers, da Friedrich-Alexander-Universität-Erlangen-Nürberg, que falou de “El papado en el tiempo de Xelmírez. Constancia y variación”, describiu a transformación das estructuras do Papado e a súa reafirmación nun tempo de papas e anti-papas. O paso da existencia dos “Papas” ao Papado romano e universal. Transformaciòn que sucede no tempo de Xelmírez e na que é actor importante o Papa Calixto II, “gran protector de Compostela”.
Sobre a política eclesiástica nese período e os esforzos xelmirianos por conseguir privilexios para a súa sede metropolitana, e para él mesmo, e as relacións coa poderosa Cluny, abundou tamén Ludwig Vones (Universität zu Köln).
Concluíu a sesión da tarde Carmen Lacarra (Universidade de Zaragoza) co
relatorio “La pintura románica en el Antiguo Reino de Aragón: intercambios estilísticos e iconográficos”.