Consello da Cultura Galega

Teléfono: +34 981957202 Fax: +34 981957205 correo@consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2º andar - 15705 Santiago de Compostela

 
Gallaeciae Monumenta Historica

Autor

Enrique Cal Pardo

Nado en Viveiro en 1922, doutorouse en Teoloxía pola Universidade Pontificia de Comillas. A súa vida profesional está ligada ao Seminario Conciliar, do que foi alumno, primeiro, e máis tarde profesor e reitor, e á Catedral de Mondoñedo, da que é deán e cóengo arquiveiro. Foi tamén profesor do Instituto Teolóxico Compostelán.

Moi implicado na vida cultural e espiritual da cidade mindoniense e da súa diocese, é cronista oficial de Viveiro e participa activamente en padroados de varias fundacións e en diversas iniciativas de carácter cultural, espiritual e académico.
Como arquiveiro organizou e puxo a disposición dos investigadores o rico patrimonio documental do cabido e da catedral de Mondoñedo, esforzándose, así mesmo, por divulgalo e dalo a coñecer tanto ao público xeral como aos historiadores.

Os seus esforzos cristalizaron nunha voluminosa obra histórica que puxo en valor a gran riqueza documental do seu arquivo e que hoxe é unha referencia fundamental á hora de aproximarse á historia dos territorios mindonienses, especialmente para a época medieval.

Todo este intenso labor investigador e divulgador foi recoñecido coa Medalla de Prata de Galicia, outorgada en 1997.